A escritora e madriña da nosa biblioteca Ledicia Costas, Premio Nacional de
Literatura Infantil e Xuvenil 2015, vén de acadar o Premio dos Clubs de Lectura
2016, un galardón co que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de
lectura do ámbito educativo no curso precedente. Así se recolle na resolución
publicada hoxe pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria coincidindo co Día Mundial do Libro.
Este é o segundo ano que se concede este premio, creado para
recoñecer o labor das autoras e autores galegos que facilitan cos seus libros a
función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos
participantes nos clubs de lectura.
O premio serálle entragado á escritora Ledicia Costas no
transcurso da IX Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar en Santiago de
Compostela (EGAP) o 10 de xuño, e na que se reunirá o profesorado que coordina
os clubs de lectura existentes este curso en 239 centros de ensino secundario
de toda Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario