22 de enero de 2025

CLUB DE LECTURA 3º

Onte fixemos o primeiro Club de lectura con algunhas nenas e nenos de 3º e foi todo un éxito! Falamos do libro "Juan sin móvil" de José Vicente Sarmiento e dalgúns temas relacionados, como o uso indebido das tecnoloxías e o seu abuso que nos pode chega a convertir en zombis! Gustoulles tanto a experiencia que xa están comezando a ler o seguinte libro: O corazón das casas de An Alfaya. Así dá gusto facer clubs para compartir lecturas!




15 de enero de 2025

CLUB LECTURA ADULTA

Na tarde de onte tivemos o primeiro Club de lectura adulta, nada máis e nada menos que co último libro de Ledicia Costas: Pel de cordeiro. Dúas historias interconectadas de dúas épocas diferentes, que nos fixeron falar de bruxería, remedios herbais, rituais e mesmo contar moitas anécdotas arredor desa temática. Foi unha lectura que gustou moito ás persoas participantes e motivou á lectura de xente que aínda non a lera.

Na próxima cita de Club de lectura adulta, teremos o libro de Rosa Aneiros: A noite das cebolas. Agardando con ganas!





CLUB LECTURA ABERTO (5º E 6º DE PRIMARIA)



Onte tivemos a segunda parte do Club de lectura da saga Heartstopper. Seguimos falando sobre a historia destes rapaces, a evolución como persoas, os valores, a empatía, a tolerancia e outros aspectos importantes da nosa vida para poder facer un mundo máis respectuoso no que poder vivir libremente. Coma sempre, foi moi interesante!


10 de diciembre de 2024

CLUB DE LECTURA ABERTO (5º E 6º PRIMARIA)

Hoxe tivemos un club de lectura moi especial. Algunhas nenas e nenos de 5º e 6º de primaria quixeron traballar coa saga Heartstopper de Alice Oseman, ca que inauguramos este club co primeiro libro. Tratamos temas que lles preocupan como a diversidade, o bulling, os prexuízos... E falamos da historia de amor do libro. Que pasará no segundo tomo? Quedamos coas ganas de continuar co noso club á volta das vacacións! Atentas á data!






27 de noviembre de 2024

SESIÓN PARA O 25N

Para traballar o día 25N: Día Internacional contra a violencia de xénero, na biblio fixemos unhas sesións de contacontos e obradoiros con diferentes contos e historias. Quedaron unhas cousas chulísimas e falamos duns temas ben interesantes e importantes. Non é non!











 

19 de noviembre de 2024

CLUB DE LECTURA 2º

Hoxe tivemos club de lectura dobre! Ás nenas e nenos de 2º de primaria gústalles moito ler e fixeron un club de lectura de dous libros:

"Bo camiño Valentiño!" de Gracia Iglesias e Sara Sánchez e "¡Nos ha tocado la lotería!" de Pere Comellas.

Dúas historias divertidas que lles encantaron! Falaron do camiño de Santiago,a catedral e anécdotas que contaron propias e dos libros. Tocoulles algo máis que a lotería! E iso que trouxeron moitos cartos ao club! Pero sabemos que hai que solucionar os problemas porque a amizade e a familia son máis importantes. Ademais da xenerosidade! Foi moi interesante saber que farían se lles tocase a lotería!